Saltar ao contido principal

O novo proxecto de exploración aurífera en Bergantiños e a súa zona periférica multiplica por dez a área mineira de Corcoesto

A empresa Grupo M-FM 2001, S.L., adicada á exploración, extracción e beneficio de recursos mineiros metálicos (especialmente ouro), recoñece na documentación presentada á Xunta para o permiso de investigación "Isabela II" que actualmente ten solicitado e tramitándose outro permiso a maiores do xa concedido, baixo a denominación de "Livia", que fai que as 156 cuadrículas mineiras, equivalentes a 4.368 hectáreas de extensión do "Isabela II", sexan en realidade menos da metade da súa área de actuación, pois de saír adiante esta nova petición engadiría outras 162 cuadrículas mineiras (4.536 hectáreas) nos municipios de Zas, Santa Comba e Mazaricos alcanzando en conxunto un total de 8.904 hectáreas, o que multiplicaría na práctica por dez a área prevista inicialmente para o frustrado proxecto mineiro da canadense Edgewater.

Mapa da área do permiso de investigación "Livia" 
A EMPRESA DESCARTA SITUAR AS SONDAXES ATA O SEGUNDO ANO DE OPERACIÓN

Doutra banda, Grupo M-FM 2001 S.L. indica que non será ata o segundo exercicio da fase de investigación cando o plan de labores de "Isabela II" que se presente reflexe as zonas que recibirán a campaña de sondaxes, o que na práctica e coa vixente normativa mineira, estas poderán levarse a cabo virtualmente en calquera lugar dos concellos afectados polo proxecto (Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco) se non hai reacción municipal e/ou veciñal previa ao comezo dos labores.

A MINEIRA ACTUOU DURANTE O MÁXIMO ESPECULATIVO DA BURBULLA DO OURO

Grupo M-FM 2001, S.L. incidiu no proxecto presentado á Xunta no aumento do 543% do prezo do metal precioso de 2000 a 2011, chegando a alcanza os 1.886 dólares a onza (de aproximadamente 31 gramos de ouro).

Con todo, a día de hoxe a caída da cotización do ouro é imparable e achégase actualmente á barreira dos 1.000 dólares a onza debido á desaceleración das economías emerxentes -en especial China- e nunha situación internacional na que os investidores volveron a mover o seu diñeiro cara a produtos financeiros máis arriscados pero de maior rendibilidade. Por iso, neste momento, proxectos auríferos en zonas de baixa lei media como a Comarca de Bergantiños e a súa zona de influencia carecen de sentido e non son razoables en ningún caso a nivel económico pero sobre todo pola problemática socio-ambiental que carrexan, como ben quedou demostrado no conflito mineiro de Corcoesto.

FUNDAMENTAL A PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS AO PERMISO DE INVESTIGACIÓN "ISABELA II"

Salvemos Cabana lembra que ante o novo desembarco de minería do ouro en Bergantiños é fundamental presentar alegacións ao respecto, tanto a nivel persoal como de colectivos e institucional, e que o expediente pode consultarse para tal fin ata mediados de febreiro na Sección de Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña.

(25.1.2016)