O Constitucional tomba as últimas aspiracións da mineira canadense Edgewater en Corcoesto

O Alto Tribunal desestima a reclamación do Goberno Central sobre a normativa de caducidade dos dereitos mineiros introducida na Lei 12/2014, do 22 de decembro, de Medidas Fiscais e Administrativas, no referente ás reformas introducidas na lei autonómica 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia, confirmando de maneira efectiva que a Xunta de Galicia actuou conforme a dereito ao retirarlle a Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater a competencia sobre as súas concesións"Emilita nº 1221", “Ciudad de Landro nº 1454” e “Ciudad de Masma nº 1455”, que conformaban o groso do seu proxecto aurífero na Comarca de Bergantiños.

O Tribunal Consitucional confirmou que á Xunta actuou conforme a dereito
A parte da Lei 12/2014 que agora ratifica o Tribunal Constitucional, sinala que os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente “polo incomplimiento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante”, tal como ocorreu con Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater, á que a Xunta de Galicia comunicoulle oficialmente a cancelación do proxecto o 11 de marzo de 2014 pola súa falta de solvencia técnica e financeira.

Os cambios introducidos na norma, ademais, non deixan lugar a dúbidas ao sinalar que “unha vez que a resolución denegatoria sexa definitiva na vía administrativa, o órgano mineiro competente incoará de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos, que, unha vez que finalice, implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia”.

A XUNTA ACTUOU SOBRE A NORMATIVA PRECONSTITUCIONAL DA LEI DE MINAS DO ESTADO


Tal como recolle a resolución xudicial, o letrado da Xunta sinalou no proceso que “ningunha sentenza constitucional analiza a competencia de minas como tal e ante tal falta parte de que o Estado é competente sobre as bases do réxime mineiro (art. 149.1.25ª CE) e que á Comunidade Autónoma de Galicia lle incumbe o desenvolvemento lexislativo e a execución (art. 28 EAG)”.

Ademais, lembrou a doutrina constitucional sobre o carácter formal e material das bases, con atención especial ao caso en que se infiran de leis preconstitucionales e á necesidade de ser un mínimo común normativo que deixe espazo ao desenvolvemento autonómico, para precisar “que no ordenamento xurídico estatal a regulación legal sobre o réxime mineiro está na actualidade na lei 22/1973, do 21 de xullo, que é anterior á Constitución de 1978, de xeito que ningunha referencia contén respecto do que deba entenderse por regulación básica da materia de que se trata, razón pola que non resulta fácil determinar cales deses contidos son básicos”, concluíndo que  “por un principio de seguridade xurídica e responsabilidade dificilmente é comprensible que o Estado poida opoñer como lei estatal sobre a que confrontar a lexislación autonómica actual -que busca responder a problemáticas actuais-, unha norma legal preconstitucional de hai máis de 40 anos”, citando ao seu favor a STC 37/2002.

A SENTENZA DO CONSTITUCIONAL CONFIRMA QUE A CADUCIDADE DOS DEREITOS MINEIROS DE EDGEWATER É UNHA REALIDADE

O Alto Tribunal conclúe finalmente, que este precepto da Lei 12/2014 “non fai máis que regular o conxunto de acusacións precisas para a posta en práctica da normativa estatal e, por tanto, resulta amparado pola competencia executiva da lexislación estatal que atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia o artigo 28.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia”, relativo ao réxime mineiro e enerxético.

O FINAL EFECTIVO DO PROXECTO DE EDGEWATER EN CORCOESTO

Como non podería ser doutra forma, a Plataforma Salvemos Cabana celebra o fallo do Constitucional, que reafirma un fito logrado pola sociedade galega no seu conxunto na defensa do medio ambiente e a saúde pública, e desexa mostrar o seu agradecemento a todas aquelas persoas, organizacións e institucións que apoiaron a loita contra o proxecto mineiro dende os seus inicios. Porque a anulación da iniciativa de Edgewater en Corcoesto é un triunfo da sociedade civil, da dignidade colectiva, pero sobre todo un triunfa da razón e do sentido común fronte á irracionalidade dos mercados e a economía transnacional.

(20.2.2016)