Saltar ao contido principal

Zas, nova "zona cero" da reactivación da minaría do ouro en Galicia

Os dous permisos de exploración aurífera solicitados por Grupo M-FM 2001 S.L., "Isabela II" (4.368 hectáreas), xa autorizado, e "Livia" (4.536 hectáreas), aínda en tramitación, copan boa parte do territorio deste municipio da comarca coruñesa da Terra de Soneira, fronte a áreas de menor extensión nos concellos de Vimianzo, Coristanco, Santa Comba e Mazaricos.

Mapa dos permisos de investigación solicitados en Zas 
TRES ANOS DE LABORES E UN CUSTO PREVISTO QUE SE ACHEGA AOS 600.000 EUROS NO PLAN DE INVESTIGACIÓN DE "ISABELA II"

As cifras que a empresa reflicte na documentación presentada á Consellería de Industria non deixan dúbidas respecto das intencións da mineira, pois o orzamento total calculado ascende a 548.347 euros para un período de investigación de tres anos, incluíndo a realización estimada de 34 sondaxes, 100 calicatas e un número indeterminado de rozas nas zonas afectadas polo permiso en busca principalmente de ouro e de maneira secundaria prata e outros metais afíns.

PROXECTO ZAS-SANTA COMBA

O que máis preocupa, sen embargo, é a consideración da empresa de dar seguimento ás investigacións que no seu día realizou na concesión "Isabel nº 6570.1", co obxectivo "de localizar esas reservas que garantan o seu desenvolvemento futuro e o seu crecemento como empresa mineira". Por iso, afirman no texto actualmente sometido a información pública, "Isabela II" está integrado nun plan máis amplo denominado "Proxecto Zas-Santa Comba", do que formarán parte as investigacións desenvolvidas no seu día na concesión de explotación "Isabel nº 6570.1" e tamén as que se desenvolvan no proxecto de investigación "Livia", cunha extensión de 162 cuadrículas mineiras (superficie equivalente a 4.536 hectáreas), de momento en fase de tramitación.

UN NOVO CORCOESTO EN CERNES SE NON SE ACTÚA CON DILIXENCIA

As actuacións que hoxe se realicen a nivel público son fundamentais para reaccionar fronte a proxectos extractivos coma o de Corcoesto, por iso custa tanto entender a morneza e o descoñecemento do que fan gala algúns representantes políticos respecto diso. Porque da fase de exploración á de explotación hai só un paso e a medio prazo este recuncho de Galicia podería atoparse cun conflito socioambiental equivalente ao vivido en Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso estes últimos anos.

Pode afirmarse que non todo o terreo que se estuda é susceptible de albergar unha mina de ouro, pero con todo neste caso hai que ter en conta especialmente tanto o elevado nivel orzamentario da fase de investigación -ninguén inviste unha cantidade importante de diñeiro se non espera obter un rendemento directo- coma os datos que reflicte o proxecto de "Isabela II", que indican que na zona de estudo dentro do perímetro da concesión pode atoparse nalgúns filóns "leis de ata 5 gramos de ouro por tonelada", cantidade que de confirmarse sería na práctica máis que suficiente para iniciar a fase de explotación, o que necesitaría dunha planta de tratamento e case con total seguridade e de maneira ineludible a utilización de cianuro de sodio como reactivo na recuperación do mineral.

A FASE DE INFORMACIÓN PÚBLICA, ATA MEDIADOS DE FEBREIRO

A Plataforma lembra que o expediente está en período de alegacións ata metade do mes en curso, e que pode ser consultado a tal fin na Sección de Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, situada na segunda planta do Edificio Administrativo Monelos, na rúa Vicente Ferrer nº2 da Coruña.

(1.2.2016)