Saltar ao contido principal

A Xunta contempla máis de 70.000 hectáreas para buscar ouro en Galicia

Segundo puido verificar Salvemos Cabana a partir do recente proxecto de investigación "Isabela II" e dacordo aos datos do Censo Mineiro de Galicia corroborados polo catastro do Ministerio de Industria, Energía y Turismo, varias decenas de concesións en distintos momentos de tramitación repártense por todo o territorio galego.

Mapa de dereitos mineiros para recursos minerais da sección C
Exceptuando as solicitudes de permisos na zona de areas auríferas do Miño, no que empresas como Áridos do Mendo, no municipio de Salvaterra, retiran por técnicas de decantación de minerais densos unha media de 0,8 gramos de ouro por tonelada sen a utilización de reactivos tóxicos, na práctica totalidade das concesións o mineral atópase contido en roca, o que de resultar viables os xacementos, implicaría o uso de procesos de flotación e lixiviación, o que levaría a xeración de inmensas cantidades de residuos e a utilización de cianuro de sodio durante esta última fase.

A AUTORIZACIÓN DUNHA PLANTA DE CIANURACIÓN EN CALQUERA RECUNCHO DE GALICIA PODERÍA TER EFECTOS DEVASTADORES A NIVEL AMBIENTAL

Actualmente, o maior risco sería a autorización dun complexo de lixiviación coma o que contemplaba o proxecto de Corcoesto, máis tendo en conta que en todo o noroeste peninsular só existe a de Orovalle Minerals S.L., filial da transnacional mineira canadense Orvana, que está a utilizar como balsa a antiga curta a ceo aberto da mina de ouro da localidade asturiana de Belmonte de Miranda, e na que semella altamente improbable que se autorice o depósito permanente de residuos contaminantes de fóra do Principado, tanto polo elevado número de concesións ás que aspira a compañía en territorio asturiano, como polo escándalo xerado fai dez anos, no que a empresa Río Narcea Gold Mines, anterior propietaria do complexo, cianurou mineral importado desde a localidade groenlandesa de Nalunaq, tal e como denunciou no seu momento a Coordinadora Ecoloxista de Asturias.

Neste senso, faise necesario lembrar que na documentación en consulta pública da solicitude do permiso de investigación Julia-2, a propia Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater recoñeceu o seu interese en obter "todos os dereitos mineiros dispoñibles" en xacementos "que polo seu reducido tamaño só poderían ser economicamente explotados no caso de poder beneficiarse dunha planta de tratamento xa en funcionamento e próxima", o que confirma que de aprobarse finalmente o proxecto as balsas de residuos de Corcoesto, unidas nunha superficie que alcanzaba os 650.000 m², poderían albergar residuos tóxicos procedentes de distintos puntos do territorio galego.

A PRESIÓN CHEGA TAMÉN DESDE O SUR

Doutra banda na provincia se León contémplanse tamén unha vintena de iniciativas de investigación aurífera por parte de distintas compañías, entre a que destaca o "Andiñuela Gold Project" desenvolvido aínda de maneira incipiente pola canadense Auropean Ventures Inc. sobre unha superficie de 58 km², e que a propia empresa relaciona a nivel xeolóxico cos proxectos mineiros de El Valle/Carlés e Salave en Asturias e o de Corcoesto en Galicia, xactándose de que o Goberno de España subvenciona mesmo as actividades de exploración e confirmando a necesidade  urxente da derrogación da vixente normativa preconstitucional de minas e o establecemento dunha lexislación acorde aos tempos que prime o respecto ao medio ambiente e ás comunidades.

A LEI DO SOLO DE GALICIA, UNHA NOVA AMEAZA

No medio deste contexto netamente favorable aos proxectos auríferos, a nova Lei 2/2016 engade, ademáis, un factor de preocupación porque na súa disposición final cuarta introduce unha modificación da Lei 3/2008, de ordenación da minería, facendo que todas as figuras de plan urbanístico ou territorial con incidencia en materia de minas teñan que someterse a partir de agora "de maneira vinculante" aos ditados da Consellería de Economía e Industria, consumando de facto a imposición do mazo extractivo sobre outros sectores predominantes en terras galegas como o agrícola ou o gandeiro.

A MINERÍA DO OURO NON É A SOLUCIÓN Á POLÍTICA INDUSTRIAL GALEGA, É O PROBLEMA

Finalmente, hai que lamentar a permanente aposta do Goberno autonómico do PP polo neoextractivismo, xa sexa utilizando en beneficio do seu ideario ideolóxico o Plan Sectorial de Actividades Extractivas, transformando á súa conveniencia o Plan Director da Rede Natura 2000 ou asinando convenios coa patronal mineira baixo a sombra falaz de eufemismos como os de "minería responsable" ou "minería sustentable".

Non en balde, a explotación de ouro asturiana que foi posta de exemplo por parte de Edgewater de impecable práctica mineira para ilustrar o seu pretendido proxecto de Corcoesto, El Valle-Boinás, no concello asturiano de Belmonte de Miranda e operada por Orovalle Minerals S.L. -antes denominada Kinbauri España S.L.U.-, denunciouse en 2015 pola Fiscalía por presunto delito ambiental, concluíndo das dilixencias practicadas que o río Cauxa, ao seu paso pola zona de influencia das instalacións mineiras, soporta a emisión dunha serie de verteduras de sustancias catalogadas como perigosas pola súa toxicidade. Cabe preguntarse se ese é o futuro que Alberto Núñez Feijóo e o seu Executivo desexan para o territorio galego e os seus habitantes.

(7.3.2016)