Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana pide unha investigación parlamentaria para determinar si se están a utilizar fondos públicos que poidan favorecer as millonarias reclamacións patrimoniais de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater

A Plataforma mostra a súa preocupación polo feito de que o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño (PP), decidise sen o consenso do pleno a personación do concello no contencioso administrativo que mantén a mineira canadense contra a Xunta de Galicia, no que lle reclama unha indemnización por danos e prexuízos de 20 millóns de euros.

É fundamental unha investigación parlamentaria sobre o caso Corcoesto

É necesaria unha aclaración urxente que determine se os recursos públicos que poidan estar a ser empregados polo consistorio cabanés, e que son pagados cos impostos do contribuínte, poden estar a favorecer directa ou indirectamente as millonarias reclamacións patrimoniais de Edgewater, o que supoñería de facto unha grave afronta contra os intereses do pobo galego, resultando igualmente importante que se depuren responsabilidades no lamentable caso de que isto sexa así.

Dada a gravidade do caso, o Partido Popular debe desautorizar a José Muiño, que se está enfrontando á decisión do seu propio partido de cancelar o proxecto da mina de ouro de Corcoesto. É necesario lembrar que a anulación do proxecto por parte do Executivo de Alberto Núñez Feijóo foi froito do incumprimento, pois a mineira non logrou en ningún caso reunir e 25% de fondos propios de capital e reservas esixidos sobre o total do investimento, cuantificado en máis de 100 millóns de dólares, e que na práctica supoñía multiplicar por sesenta o status económico da empresa.

Neste contexto, en absoluto ten sentido que o Concello de Cabana de Bergantiños se persone no procedemento xudicial, máis cando en datas recentes o Tribunal Constitucional ven de confirmar a perda dos dereitos mineiros por parte da empresa canadense de acordo aos cambios introducidos na Lei 12/2014, de Medidas Fiscais e Administrativas, que reforman determinados apartados en de a Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia.

CORCOESTO S.A., UNHA EMPRESA CREADA AD HOC A TRAVÉS DUN BUFETE PANAMEÑO ESPECIALISTA EN SOCIEDADES OFFSHORE E TEMAS CORPORATIVOS

Doutra banda, Edgewater declarou publicamente no seu último comunicado do 21 de outubro de 2015 que a Xunta de Galicia actuou “de maneira manifestamente ilegal e en violación das obrigacións do Reino de España en virtude do dereito internacional” e a súa intención de acudir á arbitraxe internacional para defender “os intereses dos seus accionistas” polas actuacións da compañía a través da súa filial Corcoesto S.A.

O feito é que Corcoesto S.A. é unha sociedade rexistrada o 26 de agosto de 2014 pola firma Melhado&Webster, bufete panameño que recoñece na súa páxina web ser especialista en temas corporativos e a xestión de sociedades offshore en paraísos fiscais como Bahamas, Belize ou as Illas Virxes Británicas.

En virtude do país de domiciliación da empresa, Panamá, Edgewater apela agora ao Tratado Bilateral de Investimento entre España e Panamá (‘Acordo para a promoción e a protección recíproca de investimentos entre o Reino de España e a República de Panamá’), que no seu artigo 12 trata sobre a resolución de controversias entre investidor-estado, ben sexa mediante un tribunal establecido de acordo co Regulamento de Arbitraxe da Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Comercial Internacional ou ao Centro Internacional de Arranxo de Diferenzas a Investimentos (CIADI), vinculado ao Banco Mundial e proclive á actividade corporativa.

Sen embargo, Corcoesto S.A. foi creada 5 meses despois da cancelación oficial do proxecto por parte da Xunta en marzo de 2014 polo que canto menos resulta sorprendente que unha empresa que non existía poida presentar agora como propios uns feitos dos que non puido ser partícipe.

CÓMPRE A APERTURA DUNHA INVESTIGACIÓN DENDE O PARLAMENTO DE GALICIA

Polo anteriormente descrito, é fundamental que se realice desde o Parlamento de Galicia, como casa da soberanía popular, unha investigación que permita aclarar as circunstancias que rodean ambos os feitos, se o alcalde de Cabana pode estar a actuar con intereses opostos aos da Xunta no procedemento contencioso-administrativo que Edgewater mantén co Goberno galego e se efectivamente as reclamacións por vía internacional da mineira canadense están a fundamentarse nunha empresa creada tras a cancelación do proxecto que de maneira incomprensible pretende actuar con carácter retroactivo.

UN RELATO PARA SACAR CONCLUSIÓNS

Finalmente, hai que resaltar que nada disto sucedería se a Consellería de Medio Ambiente actuara de maneira competente, pois ao aprobar a declaración de impacto ambiental a fnales do 2012 desencadeou un proceso que nos levou a estes efectos tan lamentables e que supuxeron un alto custo tanto a nivel social como de consumo de recursos públicos.

(10.4.2016)