Saltar ao contido principal

O PXOM de Cabana de Bergantiños utiliza de maneira interesada o Censo Catastral Mineiro e deixa a porta aberta a novos proxectos en Corcoesto

A Plataforma Salvemos Cabana presenta alegacións logo de avaliar o borrador do texto do Plan Xeral de Ordenación Municipal presentado con carácter previo á elaboración do documento de alcance do estudo ambiental estratéxico e constatar durante o período de consultas que se trata dun novo intento do alcalde popular José Muiño de impoñer "pola porta de atrás" un futuro plan extractivo na parroquia.

Comparativa de mapas (PXOM/Censo Catastral Mineiro)
Así, o texto refírese de forma anacrónica e totalmente fóra de lugar nun documento destas características ao frustrado proxecto mineiro, afirmando que "na actualidade cancelouse a tramitación dunha explotación de minería metálica na Parroquia de Corcoesto, que afectaría tamén ao Concello de Coristanco", que "o filón contén ouro e arsenopirita" e que "a explotación ocuparía arredor de 700 Ha., cun diámetro de entre 1,5 e 2 km." (páxina 14 da Memoria Informativa).

Na páxina 61 (MI), en referencia ao "carácter e organización social" da parroquia de Corcoesto, afírmase que "débese ter en conta o posible impacto económico e paisaxístico dos proxectos ou iniciativas que se poidan levar a cabo na antiga explotación mineira da zona", dando a entender que tarde ou cedo se producirá un novo intento para reabrir o xacemento aurífero, a día de hoxe totalmente esgotado para labores en galería e cuxa rendibilidade depende exclusivamente de técnicas ceo aberto e a utilización de inxentes cantidades de auga e cianuro de sodio na recuperación do mineral, coas consecuencias e riscos que isto implica.

DISCREPANCIA CO MAPA OFICIAL DO CENSO CATASTRAL MINEIRO DE GALICIA

Doutra banda, na páxina 15 do documento (MI) realízase de xeito torticeiro unha "superposición dos límites municipais de Cabana de Bergantiños sobre o mapa de dereitos mineiros procedente da Subdirección Xeral de Minas da Consellería de Industria" afirmando que "gran parte do territorio municipal corresponde a seccións que teñen solicitado as prospeccións".

A sorpresa neste punto é descubrir que as áreas de exploración e investigación mineira que aparecen no mapa presentado no Borrador do PXOM non coinciden na súa totalidade coas que aparecen no Censo Catastral Mineiro de Galicia, ampliando neste caso a súa superficie e dando a entender a preeminencia do interese extractivo sobre outro tipo de sectores nunha zona definida por dúas clasificacións de chan incompatibles coa actividade mineira, como son o solo rústico de protección forestal e o solo rústico de protección paisaxística.

CORCOESTO, UN PROXECTO FRACASADO

José Muiño Domínguez (PP), alcalde de Cabana de Bergantiños, parece esquecer que a cancelación do proxecto, anunciada polo Presidente da Xunta en outubro de 2013 e ratificada meses despois por vía administrativa, derivou finalmente nunha Resolución (agosto 2015) de caducidade dos dereitos mineiros, confirmada por sentenza firme do Tribunal Constitucional en febreiro de 2016, que recoñeceu que a Xunta de Galicia actuou conforme a dereito ao retirarlle a Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater a competencia sobre as súas concesións "Emilita nº1221", "Cidade de Landro nº1454" e "Cidade de Masma nº1455", que formaban o eixo do seu plan aurífero na Comarca de Bergantiños.

Hai que lembrar que o proxecto mineiro de Corcoesto, que provocou o conflito socioambiental máis grave na historia recente de Galicia e levou por diante a nivel electoral aos outros dous alcaldes populares implicados no apoio á iniciativa (Coristanco e Ponteceso), a punto estivo de custarlle o posto ao propio Muiño polo que resulta imposible entender como o rexedor, enfrontándose aos veciños, á Xunta e mesmo en máis dunha ocasión ao seu propio partido, persiste de maneira reiterada no intento de activar un plan extractivo deostado por toda a sociedade galega.

(2.1.2017)