Europa avanza cara á prohibición total do uso de cianuro en minaría

A recente Resolución do Parlamento Europeo sobre a aplicación da Directiva sobre residuos mineiros (2006/21/CE), que contou con 566 votos a favor e tan só 8 en contra, insta de maneira inequívoca á Comisión Europea a prohibir a utilización de tecnoloxías mineiras a base de cianuro na UE, o que evitaría operacións extractivas como a que no seu momento pretendeuse levar a cabo na parroquia de Corcoesto (Cabana de Bergantiños, A Coruña), ou a que actualmente se desenvolve en labores de galería en El Valle-Boinás (Belmonte de Miranda, Asturias).

Planta de cianuración da mina de ouro de El Valle-Boinás (Asturias)
A Directiva 2006/31/CE, sobre a xestión  dos residuos de industrias extractivas, adoptouse a partir de dous desastres ambientais con vertedura de residuos perigosos, o accidente e a vertedura de cianuro na mina de ouro de Baia Mare (Romanía, 1998) e o sucedido en Kolontár (Hungría) cunha vertedura de lodos tóxicos en 2010.

Segundo o informe de aplicación elaborado por expertos e orixe da Resolución citada do Parlamento Europeo, a Directiva 2006/31/CE debe ser actualizada e implementada, ao resultar de especial interese para as comunidades locais "que viven nas inmediacións dos proxectos mineiros a gran escala que utilizan sustancias perigosas", pois a actual aplicación práctica da Directiva "pode non garantir o nivel de seguridade previsto orixinalmente polo lexislador", utilizando un enfoque que "pode pasar por alto o Principio de Cautela e a participación real das poboacións locais, o que impide unha avaliación realista dos custos e os riscos xerados pola minería moderna ao descuberto".

Entre outras medidas, o Parlamento Europeo fai un chamamento á Comisión "para que propoña a prohibición total na Unión Europea canto antes do uso de tecnoloxías mineiras que empreguen cianuro", tal e como se solicitou na Resolución do 5 de maio de 2010.

É necesario lembrar que na Resolución P7_TA(2010)0145, agora citada polo Parlamento Europeo queda patente que o cianuro de sodio utilizada na minaría do ouro "é unha sustancia química altamente tóxica" que está clasificado na Directiva Marco da auga "como un dos principais contaminantes" e pode ter "un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, polo tanto, na diversidade biolóxica".

Ademais, afirma o texto, "o uso de cianuro en minería crea pouco emprego" pero "pode provocar enormes danos ecolóxicos transfronteirizos que, polo xeral, non son reparados polas empresas explotadoras responsables, que adoitan desaparecer ou declararse en quebra, senón polo Estado correspondente, é dicir, polos contribuíntes".

Por iso, para a Plataforma Salvemos Cabana, a nova Resolución do PE, aprobada por unha rotunda maioría o pasado mes de abril, supón un paso definitivo para a prohibición total do uso de cianuro de sodio en tecnoloxías mineiras, en aplicación do Principio de Cautela ou Precaución, considerado como un dos piares reitores da política europea e sen dúbida un dos instrumentos máis eficaces para a protección da saúde humana e o medio ambiente a nivel continental.

(20.6.2017)