Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra que a Xunta non autorizase a acampada do Festival V de Valarés no piñeiral público

Ademáis da recuperación do piñeiral anexo á praia de Balarés para uso e disfrute do común da xente, o protocolo establecido polo Concello de Ponteceso para protexer o complexo dunar da Enseada da Ínsua, aínda carente de vixilancia, mellorou dende o pasado ano. O elevado impacto sonoro en horas nocturnas sobre distintas localidades do esteiro do Anllóns e o emprazamento a carón da zona de máxima protección da Rede Natura 2000, principais factores a ter en conta para trasladar o evento a un lugar máis axeitado en futuras edicións.

Indicativo da zona de acceso ao complexo dunar da praia de Balarés

O PIÑEIRAL DE BALARÉS VOLVE A SER PÚBLICO

Tras a notoria polémica do 2016, que terminou en inspección e advertencia de graves sancións por parte do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) aos organizadores do festival por incumprimento das condicións impostas, é de celebrar que este ano a Xunta de Galicia non autorizase a organización dunha acampada no piñeiral de Balarés, que volveu a ser o que sempre foi, un ben gratuíto para o disfrute e esparexemento da cidadanía, non un espazo acoutado e de pago para beneficio dun ente privado.

O IMPACTO SONORO, O PRINCIPAL PROBLEMA NA EDICIÓN DESTE ANO

Na edición deste ano, con todo, o principal problema foi o impacto sonoro sobre as localidades circundantes ata altas horas da noite, posiblemente debido á acústica e orientación do escenario. Este feito provocou que moitos veciños e veciñas, sobre todo nas parroquias de Canduas e Cesullas, en Cabana de Bergantiños, tivesen dificultades para conciliar o soño.

A NECESIDADE DE PROTEXER O COMPLEXO DUNAR DA ENSEADA DÁ ÍNSUA

O pasado ano, desde a Plataforma pediuse o acotamiento, vixilancia e protección do complexo dunar da Enseada da Ínsua durante a celebración do festival, ao tratarse dun hábitat de altísimo valor ecolóxico e moi sensible ás interferencias humanas.

De feito, o maior risco é o sendeiro litoral que permite alcanzar a zona de dunas en menos de 20 minutos desde o emprazamento do do V de Valarés, algo que nesta ocasión, e aínda estando a zona está carente de vixilancia, púdose solucionar en parte coa disposición do valado e o protocolo establecido polo Concello de Ponteceso, sen dúbida máis eficaz que na edición do 2016, cando o tránsito cara ao complexo dunar foi unha constante en determinados momentos.

UNHA ZONA DE ELEVADOS VALORES AMBIENTAIS

Hai que lembrar, ademáis, que o festival V de Valarés celébrase nas inmediacións dun espazo litoral de alto valor ecolóxico incluído dentro da Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Costa da Morte, ZEPVN-ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) Costa da Morte (norte) e dentro de e  dentro de a Rede Natura 2000 -ZEC Costa da Morte e ZEPA Costa da Morte (norte) en Zona 1 ou "Área de protección " e que, por tanto, está suxeita á aplicación do decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria en Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000.
Na zona de influencia do evento aparecen recollidas representacións dun mosaico de hábitats de interese comunitario e o lugar alberga tamén poboacións de interese para a conservación entre as que destacan aves, morcegos, anfibios e plantas, en todos os casos moi sensibles ás perturbacións dos seus hábitats.

A NECESIDADE DUN CAMBIO DE EMPRAZAMENTO

A protección do medio ambiente e a preservación dos valores naturais desta parte da Costa da Morte deberían tomarse en consideración para trasladar canto antes o Festival V de Valarés a un mellor emprazamento fóra da área de máxima protección. Porque a finalidade da Rede Natura 2000, como principal instrumento de conservación a nivel da UE, é asegurar a longo prazo a supervivencia das especies e os tipos de hábitats en Europa, contribuíndo a deter a significativa perda de biodiversidade que está a sufrir o continente.

(20.8.2017)