Saltar ao contido principal

A nova lei de fomento empresarial é incompatible coa protección do medio ambiente a nivel galego

A Proposición de Lei defendida polo PP na cámara autonómica pretende a simplificación da tramitación ambiental de proxectos eólicos e mineiros e a redución significativa de prazos de información pública, o que impediría a correcta avaliación dos impactos causados polas iniciativas industriais e o debate social pertinente sobre a súa conveniencia ou non para as comunidades.

Parque eólico de Corme (Ponteceso), situado en parte sobre a Rede Natura 2000

O borrador do texto legal, verdadeira oda ao neoliberalismo máis cru, busca impoñer de golpe numerosas modificacións que afectan á normativa sectorial "co fin de conseguir o obxectivo da axilización administrativa" dentro dunha "planificación territorial definida", o que podería converter todo o territorio galego nunha sorte de parque industrial a costa doutros sectores económicos tradicionais como a agricultura e a gandería, fundamentais no ámbito rural.

ACELERAR A TRAMITACIÓN DE PROXECTOS A TODA COSTA

En relación co sistema de regulación actual, esta nova lei pretende simplificar ao máximo os procedementos, contemplándose a tramitación conxunta de diversas fases como a autorización administrativa previa, a autorización de construción e do proxecto sectorial mentres se acurtan os períodos de información pública, o que recorta de maneira importante as posibilidades das poboacións afectadas de avaliar a repercusión dos diversos proxectos industriais que se propoñan.

APOSTA POLO SINSENTIDO DA PLANIFICACIÓN EÓLICA

Doutra banda, no texto da norma figuran afirmacións contrapostas e sen sentido, pois ao mesmo tempo que se aposta polo desenvolvemento do sector eólico "dunha maneira continuada no tempo" fálase de garantir a "sustentabilidade ambiental" e "protexer" ao medio natural cun "escrupuloso respecto á Rede Natura 2000", cando a realidade é que desde a actual Administración autonómica están a autorizarse ás grandes eléctricas repotenciacións de parques eólicos situados dentro de zonas protexidas a nivel europeo sen maiores problemas.

BARRA LIBRE AO SECTOR MINEIRO

No ámbito extractivo, a nova Proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia aposta igualmente por un "procedemento integrado" que incorpora nun "todo nun" as distintas autorizacións sectoriais e que inclúe na solicitude dos dereitos mineiros a documentación requirida polas devanditas autorizacións, acelerando unha vez máis prazos e procedementos.

O texto recoñece ademais que "os dereitos mineiros que levan implícita a declaración de utilidade pública, en virtude da lexislación básica, poderán incorporar á súa tramitación a a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto", o que sitúa nunha situación de práctica indefensión aos propietarios afectados, pois de saír adiante esta norma a fase de información pública pasaría na práctica para ter un carácter meramente testemuñal sen apenas efecto sobre a decisión administrativa.

CONSECUENCIAS NEGATIVAS A CURTO, MEDIO E LONGO PRAZO

No actual contexto de redución das normativas de protección da natureza e o territorio,  no que moitos informes ambientais saen adiante sen o rigor debido, e onde non se valoran outros parámetros que non sexan os de primar as contas de resultados das grandes corporacións, de saír adiante esta lei terá consecuencias imprevisibles para o futuro e suporá unha nova volta de torca á actual situación de desastre técnico e pésima xestión que de maneira crónica sofre o medio ambiente en Galicia.

(10.9.2017)