Saltar ao contido principal

O Proxecto Touro pretende abrir unha megamina a ceo aberto na área de influencia de Santiago de Compostela

Salvemos Cabana presentará alegacións durante a fase de información pública ao Estudo de Impacto Ambiental presentado pola empresa Cobre San Rafael S.L., que pretende instalar un complexo de minería metálica a ceo aberto de case 700 hectáreas de extensión nas localidades de Touro e O Pino, incluíndo a instalación de 10 curtas e unha liña de alta tensión de 14 quilómetros entre os municipios de Touro e Arzúa, o desvío de dúas canles fluviais, numerosas entulleiras de grandes dimensións e o desenvolvemento de labores de procesado en contínuo de 24 horas/7 días por semana a pouco máis de 15 km. en liña recta da capital galega e a menos de 2 km. do Camiño Francés a Compostela.

Lamentable estado do río Portapego ao seu paso pola capital municipal de Touro

A asociación considera que este proxecto megamineiro podería ter consecuencias moi negativas para o medio ambiente e a saúde da poboación tanto pola técnica empregada (minería a ceo aberto a gran escala), como polo feito de que unha das entulleiras propostas e un dos depósitos é dos denominados "estériles PAG", potencialmente xeradores de drenaxe ácida e coa capacidade de contaminar tanto solos como augas superficiais e subterráneas.

De feito, na documentación presentada á Xunta, que se atopa en fase de alegacións ata finais de mes, a propia empresa recoñece que "é esperable a ocorrencia de estéril de mina potencialmente xerador de drenaxe ácida (PAG) e con alta capacidade de mobilización de metais", o que fai que teñan que ser clasificados como "residuos non inertes".

Así, o vertedoiro de estériles PAG que pretende instalarse terá segundo proxecto unha capacidade de 58 millóns de toneladas e unha pegada máxima de ocupación de 484.000 m², chegando contemplarse unha altura de ata 100 metros.

PASIVOS AMBIENTAIS FUTUROS

Doutra banda, o Estudo de Impacto Ambiental analiza os impactos xerados durante a fase previa e de explotación, dando por sentado a bondade das medidas correctoras propostas. Con todo, aínda que incorpora un plan "post-clausura", en ningún caso de carácter indefinido, si chegase a haber problemas a longo prazo sobre a viabilidade de tales medidas, a única responsabilidade, a teor do que se extrae do exame detallado da documentación presentada, sería da Administración pública, que tería que facerse cargo de calquera problemática futura.

É necesario lembrar que anteriores episodios de minería metálica en Touro xa provocaron un problema ambiental de case imposible solución en augas superficiais e subterráneas, e que ríos como o Brandelos, Laña, Pucheiras, Felisa e Portapego sufriron os seus efectos, o que levou ao Defensor del Pueblo en 2015 a reclamar á Xunta unha actuación eficiente polo desastre ambiental xerado pola actividade extractiva.

UN RECORDATORIO PRÁCTICO DO QUE PODE SUPOÑER A LEI  DE FOMENTO DA IMPLANTACIÓN EMPRESARIAL QUE PRETENDE IMPOÑER O PP SEN CONSENSO POLÍTICO NIN SOCIAL

Esta iniciativa, que polas súas características e axentes implicados non pode senón lembrar ao fracasado proxecto aurífero de Corcoesto, pode servir de recordatorio de cales poden ser as consecuencias da aprobación da lei de fomento empresarial que pretende impoñer o Partido Popular, que modifica de maneira significativa varios artigos da lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia, chegando a outorgar a utilidade pública no mesmo acto administrativo de resolución de expediente e na que se acurtan os prazos de exposición e os informes preceptivos doutros organismos como Medio Ambiente deixan de ser determinantes, deixando a criterio da Consellería de Industria e a Dirección Xeral de Minas cando e cómo aprobar calquera tipo de proxecto extractivo.

(17.9.2017)