Saltar ao contido principal

A minaría de ouro a ceo aberto

A minaría a ceo aberto é a actividade industrial máis contaminante
A minaría a ceo aberto é unha actividade industrial de alto impacto ambiental, social e cultural. Unha actividade insostible, xa que a explotación do recurso supón o seu esgotamento.

A minaría convencional de vetas subterráneas de caracter aurífero, foi desprazada pola explotación en minas a ceo aberto onde o ouro está disperso en partículas minúsculas, diseminadas en grandes depósitos. Este tipo de minaría remove a capa superficial do terreo para facer accesibles os extensos depósitos de mineral de baixo contido en ouro.

O crecente interese internacional pola explotación do ouro a toda costa orixínase polo prezo que alcanzou a súa unidade de referencia, a onza troy, de aproximadamente 31 gramos, e que actualmente supera na súa cotización os 1.300 euros. O seu elevado prezo posibilitou que depósitos practicamente extinguidos e con rendementos sumamente pobres en contido real de ouro (de mesmo menos dun gramo por tonelada), poidan ser explotados grazas á tecnoloxía de extracción de ouro a ceo aberto por lixiviación con cianuro, proceso que substituíu á recuperación de ouro de amálgama con mercurio, proceso ineficiente en comparación e actualmente prohibido en moitos países polos graves efectos que provoca. O uso do cianuro de sodio no proceso permite recuperar máis dun 97% do ouro, fronte ao 60% que permitía a extracción con mercurio.

O problema asociado ao emprego de mercurio non se resolveu co emprego do cianuro, porque esta substancia é un dos velenos máis potentes que poden empregarse en contacto co entorno e pode carrexar danos irreparables tanto á saúde humana coma ao medio ambiente, pois mesmo a doses baixas pode afectar ao aparato respiratorio, e aos sistemas cardiovascular, gastrointestinal, neurolóxico, ocular e dérmico, dado que en contacto coa pel pode absorberse. A inhalación de concentracións de 401 a 601 mg/m³ resulta mortal para o ser humano. Os efectos sobre a saúde poden durar meses ou anos, e van dende o risco de padecer cancro aos problemas reprodutivos, hipertiroidismo, ou danos permanentes no sistema nervioso.

Nestes momentos, existe un consenso declarado a nivel internacional de que ningunha actividade é tan agresiva a nivel ambiental, social e cultural como a minaría a ceo aberto, dado que presenta unha interminable lista de impactos, alterando o entorno, modificando a morfoloxía do terreo e deixando ao descuberto grandes cantidades de material estéril, potencialmente perigoso para a saúde.

Por outra parte, o aire contamínase co po residual do explosivo e outros elementos tóxicos que proceden das distintas fases do proceso, cuns radios de dispersión atmosférica de partículas non visibles pero si respirables que poden chegar a superar os 30 km.

A auga tamén pode quedar contaminada, pois lagoas de tratamento mal deseñadas ou cun mantemento inadecuado poden contaminar os cursos de auga superficial. Filtracións de augas contaminadas cos reactivos e outras substancias químicas usadas no proceso, poden chegar ás augas subterráneas, que habitualmente son fonte de abastecemento de auga potable. As verteduras accidentais do proceso mineiro converten ademais, os solos, en terreo contaminado, improdutivo e estéril.

En termos xerais, podemos resumir os efectos do proceso en:

-Destrucción irreversible na área de explotación de ambientes nativos e da súa biodiversidade.

-Graves alteracións da paisaxe circundante.

-Alteración das concas hídricas superficiais e subterráneas.

-Diminución crítica nos caudais de auga dispoñible, debido ao elevado volume de auga que consume o proceso mineiro a ceo aberto, que pode chegar a superar o emprego do millón de litros de auga potable por día.

-Contaminación do aire con gases industriais derivados do proceso e partículas tóxicas de elevada dispersión atmosférica.

-Accidentes durante o transporte e xestión do cianuro e o uso de explosivos.

-Xeración de depósitos permanentes de residuos mineiros altamente tóxicos.

Voltar á páxina de inicio