Corcoesto: Un proxecto sen sentido

Meandro de Santa Mariña ao seu paso pola parroquia de Corcoesto
Cando moitos veciños soubemos recentemente que nun lugar como Cabana de Bergantiños algunha mente irracional pensara en abrir unha mina de ouro a ceo aberto arrasando máis de 700 hectáreas, xerando un cráter de quilómetro e medio e unha balsa de residuos tóxicos cianurados comparable á que provocou o desastre de Aznalcóllar no Parque Nacional de Doñana fai uns anos, levámonos as mans á cabeza non podía ser real! Non nun concello cuio futuro é vivir do turismo sostible grazas á súa riqueza natural e paisaxística. Para que poidas xulgar por ti mesmo/a, mostrámosche algúns exemplos nesta galería fotográfica.

Se liches as seccións anteriores seguro que andarás sorprendido alomenos tanto coma nós. Pero comecemos polo principio porque esta historia, como calquera outra, ten uns protagonistas que convén coñecer:

(1) A EMPRESA MINEIRA: Mineira de Corcoesto S.L., filial de Edgewater Exploration Ltd., quen a súa vez adquiriu os dereitos de explotación a Río Narcea Gold Mines S.L., filial de Kinbauri Gold Corp., finalmente adquirida esta última por Orvana Minerals Corp. (todas elas de capital canadense). Porque niso se basea este negocio: Filiais de filiais que limitan responsabilidades en caso de desaste ambiental.

No tema que nos ocupa, o de Corcoesto é o outro proxecto estrela de Edgewater Exploration Ltd., dubidosa honra que comparte coa mina de ouro de Enchi en Ghana!. Podes facerte unha idea da mentalidade desta xente -e os seus accionistas- no seguinte vídeo.

(2) O RESPONSABLE DIRECTO: Ten nome e apelidos, chámase José Muíño Domínguez e é o alcalde de Cabana de Bergantiños (PP). Neste individuo encóntrase quizais a maior sorpresa, porque antes de dedicarse á política, o Sr. Muíño era veterinario de profesión.

Para nós é algo impensable que non saiba dos graves danos ambientais e sociais que este megaproxecto mineiro pode carrexar co tempo á bisbarra (especialmente cando a mina finalice a súa vida de operación), pero a triste realidade é que é o seu principal defensor, chegando a incluir o proxecto mineiro no seu programa electoral ás eleccións municipais do ano 2011.

(3) O RESPONSABLE FINAL: A Xunta de Galicia. É sen dúbida o que ten o proxecto máis perturbador, porque examinar con detemento o plan mineiro que o goberno de Feijóo ten preparado para Galicia equipáranos a zonas con "alto nivel" de benestar social como Colombia, Perú, Bolivia ou algúns lugares da África Central, polo número e amplitude de prospeccións que queren permitir no territorio galego.

(4) OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN. Mención aparte nos medios nacionais de marcada liña editorial merece "La Voz de Galicia", diario de maior tirada da prensa galega. Unha intervención xornalística que provoca vergoña allea porque dende o primeiro momento deron preferencia aos intereses da empresa mineira e ós ditados do actual goberno autonómico. Ademáis, nestes anos de crise, foi con diferenza o diario máis subvencionado de Galicia a nivel público, e o principal organismo de comunicación do gabinete presidencial.

Os seguintes datos son cifras oficiais, publicadas no Diario Oficial de Galicia, e non se inclúen as axudas ós medios publicados en galego (que irían aparte). Unicamente fan referencia á subvención recibida pola edición principal deste xornal.

En 2008: 966.750 euros
En 2009: 996.195 euros
En 2010: 619.652 euros
En 2011: 610.155 euros

Preguntámonos, dende que punto de vista pode ser posible a independencia xornalística nestas condicións?

(5) OS HABITANTES DA ZONA. Eles serán os principais prexudicados do proxecto, sexan ou non conscientes da gravidade dos problemas que pode traer unha explotación de ouro a ceo aberto a Bergantiños. E non será a única, porque as tarefas de prospección pretenden estenderse a toda a bisbarra. No caso de Cabana, uns anos de traballo en precario na mina de Corcoesto, e toda unha vida coexistindo cos problemas que se deriven dela.


Voltar á páxina de inicio