Saltar ao contido principal

As mentiras das multinacionais do sector mineiro

Tres razóns para entender o contexto do sector extractivo:

(1) A minaría a ceo aberto é unha actividade sostible e respectuosa co ser humano e o entorno natural. FALSO. De feito, a megaminaría metálica é a maior produtora de residuos a nivel mundial. Como media, é necesario procesar unhas 79 toneladas de material para producir unha onza de ouro (a onza troy, que se emprega como medida de referencia, equivale aproximadamente a 31 gramos). En países como Canadá e Estados Unidos, este tipo de minaría produce, respectivamente, sesenta veces máis refugallo que todas as cidades e industrias de ambos os dous países xuntas.

Medio mineiro totalmente contaminado
As minas a ceo aberto destrúen, fragmentan e alteran a natureza orixinal do terreo, provocando procesos de erosión acelerada e afectando gravemente á biodiversidade da zona. Habitualmente, ademais, afectan a cursos de auga e alteran un hábitat natural que xamais volverá recuperarse, pois os procesos de remediación post mina que a industria contempla son insuficientes, debido a que unha restauración en condicións faríalle imposible a rendibilidade do proxecto. Estas empresas necesitan contaminar para ser rendibles para os seus accionistas e multimillonarias cúpulas directivas.

Uso cotián de explosivos a ceo aberto
(2) A minaría a ceo aberto é segura. FALSO, e nada máis lonxe da realidade, como así o testemuña a interminable lista de accidentes que sucederon a nivel internacional (máis de 30 nas últimas décadas).

Citamos só algúns:

-Mina de ouro de Summitville (Colorado, USA), propiedade de Galactic Resources Ltd. e explotada de 1986 a 1992. Graves problemas de contaminación ó longo da canle do río Alamosa.

-Mina de ouro Zortman-Landusky (Montana, USA), propiedade de Pegasus Corporation e aberta en 1979. Varias fugas de cianuro durante a súa vida de operación provocaron unha seria contaminación do acuífero, afectando gravemente á biodiversidade da zona.

-Mina Gold Quarry (Nevada, USA). Desastre ecolóxico en 1997, tras unha vertedura de máis de 900.000 metros cúbicos de auga cianurada en dous regueiros locais.

-Mina de Ouro de Echo Bay (Nevada, USA). Oito fugas consecutivas provocaron a vertedura de 450 quilos de cianuro de sodio ó medio.

-Mina Homestake (Dakota do Sur, USA). Derramo de máis de seis toneladas de refugallos tóxicos de cianuro ao regueiro Whitewood Creek, afectando ás poboacións próximas.

-Mina Kumtor (Kirguistán). Un camión en tarefas de transporte de cianuro de camiño á mina sofre un accidente vertendo 1762 quilos deste potente tóxico nas augas superficiais da zona.

-Mina de ouro de Omay (Guaiana). As consecuencias foron desastrosas para a zona e a súa poboación. Vertedura de 32 millóns de metros cúbicos de auga cianurada no río Essequibo tras a rotura dun dique de contención. Foi considerado como o maior desastre ecolóxico provocado pola megaminaría do ouro.

Feitos como estes levaron a que diferentes rexións de Estados Unidos, Canadá e Australia, e países como Alemaña e República Checa prohibisen a minaría a ceo aberto nos seus territorios.

A minaría é unha fonte de emprego inestable e non unha garantía social
(3) As minas de ouro a ceo aberto son unha garantía social e económica para as rexións porque son fonte de emprego. FALSO. Ocasionalmente son fonte de emprego, pero a un custo social e ambiental demasiado elevado. Este tipo de minaría divide as poboacións onde se instalan e se prometen cifras de emprego estable que non se corresponden coa realidade, debido á temporalidade de moitas tarefas e á falta de cualificación profesional dos habitantes da zona.

O máis importante e que ás veces non se considera é que este tipo de empregos teñen a mesma data de caducidade da propia mina, que rara vez excede unha década. As empresas vanse aumentando a súa conta de beneficios e as bisbarras coexistirán no futuro cun entorno que xamais poderá volver utilizarse en labores tradicionais, coa contaminación do aire, terras e chans e cos seus propios problemas de saúde derivados da actividade mineira. A orientación ao turismo queda así imposibilitada e o futuro da zona hipotecado para as seguintes xeracións, favorecendo o desarraigamento.

Voltar á páxina de inicio